Se tes calquera dúbida, o noso correo
Na Consellería de Cultura e Deporte acreditamos en que as políticas culturais que as nosas sociedades precisan non poden seguir instaladas en modelos caducos, centrados unicamente na xeración de oferta cultural para espectadores pasivos. Cómpre volver á dimensión política da cultura, repolitizala no sentido de concibila como espazo dos valores e das ideas para a vida común, o espazo da creación e do pensamento para a vida colectiva, da xeración de sentido ético fondamente interrelacionado coa sociedade.

Neste sentido, asentar unha nova cultura da cooperación entre axentes vai requirir comprender que as políticas culturais públicas deben marcarse como obxectivo, na actualidade, xerar tecido, redes, densidade cultural no territorio, desde unha perspectiva aberta e favorecedora do traballo en común noutros ámbitos, a prol dunha sociedade máis humana e máis vivible. Cultura é igualdade, respecto ao ambiente, integración social, educación, identidade, multilingüismo, comercio xusto, formación e transformación, benestar social...

Neste labor, o papel dos activistas e dos profesionais da cultura é fundamental, e moi especialmente nos ámbitos das políticas culturais de proximidade, o que en tradución directa para o noso país quere dicir: concellos, vilas, aldeas, centros sociais de barrio, asociacións que fomentan a cultura local, colectivos formais e informais que dinamizan e protagonizan os movementos de base.

O plan formativo Vía Cultura 2009, que se desenvolverá ao longo dos dous semestres do ano, quere ser un espazo de encontro para a formación, a análise e debate sobre estes e outros temas de interese no traballo dos profesionais do labor cultural.
Última modificación: Friday, 6 de February de 2009, 02:13